Monday 06 de May de 2024

A Xunta licita as obras de substitución de fiestras en 9 vivendas de promoción pública en Mugardos mediante o investimento de máis de 110.000 euros


Estas actuacións teñen como obxectivo solucionar os problemas de filtracións de auga que se viñan producindo nestes inmobles por mor do mal estado das ventás

A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de substitución das fiestras de 9 vivendas de promoción pública no Concello de Mugardos por un importe de máis de 110.000 euros.

Estas actuacións teñen como obxectivo solucionar os problemas de filtracións de auga que se viñan producindo nestes inmobles por mor do mal estado das ventás. Tamén se substituirán as fiestras do local emprazado neste grupo de vivendas e se repararán os danos producidos polas humidades.

Ante a aparición de filtracións a través das fiestras, a Xunta deu orde de reparación á empresa construtora, que realizou arranxos parciais e insuficientes, polo que o IGVS decidiu realizar as obras pola súa conta e iniciar o procedemento para a incautación da fianza depositada pola empresa construtora coa fin de sufragar os gastos ocasionados.

Os interesados en presentar ofertas para a execución destes traballos dispoñen dun prazo de 26 días naturais para facelo. Para ampliar a información sobre esta resolución, pódese consultar a ligazón no DOG.